Presentación

As estatísticas anuais de bibliotecas constitúen unha fonte de información de gran valor para coñecer a realidade do sistema de bibliotecas públicas de Galicia e a súa evolución ao longo do tempo.

Este instrumento, ademais, permite dar cumprimento ao establecido na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

Esta norma imponlle á consellería competente en materia de bibliotecas a obriga de elaborar e facer públicas as estatísticas de bibliotecas en Galicia, ao tempo que ás persoas físicas ou xurídicas titulares dos servizos bibliotecarios da rede lles atribúe o deber de proporcionar información relevante sobre persoal, fondos, orzamentos, instalacións, servizos e persoas usuarias e, en xeral, toda aquela sobre operacións e demais actividades contidas nos programas estatísticos anuais da Xunta de Galicia.

Con este fin, anualmente recóllense os datos pertinentes a través dun formulario baseado na norma ISO 2789 " Information and documentation -- International library statistics, " que tamén inclúe outros elementos alleos a esta norma, pero que son de especial interese para un mellor coñecemento da realidade das bibliotecas públicas galegas.

A presentación das estatísticas anuais das bibliotecas públicas galegas estrutúrase en cinco apartados: colección, usos e usuarios, instalacións e equipamentos, persoal e gastos. Cada un destes epígrafes consta das seguintes seccións:

  • Consulta, que permite obter datos detallados relativos a cada área.
  • Indicadores de rendemento que, por unha banda, relacionan entre si os datos obtidos nas diferentes áreas da estatística e, por outra, relacionan estes datos con outras dimensións como a poboación. Permiten medir a eficacia e a eficiencia da xestión e poden axudar na toma de decisións e na aplicación das accións pertinentes para unha posible mellora.

Esta información pode consultarse a nivel de Galicia, por provincias, por municipios e por bibliotecas, coa excepción daqueles indicadores de rendemento relacionados con variables poboacionais ou de orzamento, que só é posible detallar ata o nivel de municipio.

Os resultados das consultas pódense visualizar na propia páxina ou exportalos nun ficheiro editable.

Este portal emprega cookies propias necesarias para o seu correcto funcionamento e cookies de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información aquí